Mostrando entradas con la etiqueta MIROSCOPIAR. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta MIROSCOPIAR. Mostrar todas las entradas

lunes, 7 de febrero de 2011

MIROSCOPIAS?



O Miroscopio é un artefacto que xorde da potente creatividade dun neno narrador. Esa imaxe que el nos regalou púxonos no camiño desta proposta: temos que Miroscopiar que é mirar escoitando,

que é mirar observando, que é mirar cara a dentro e darlle voltas á mirada, que é mirar preguntando, que é mirar

pedindo explicacións, que é un mirar coidadoso e cariñoso...que é en definitiva o que fan todos os nenos do

mundo aínda que non o saiban.


Jesús Merino.

Profesor de Filosofía e membro da asociación “Centro de filosofía para nenas e nenos de Galicia.”



Este Miroscopio , para nós, simboliza a mirada “zoom”, da que nos fala J.A . Marina, contraria da

máis común mirada “flash”( esa ollada impaciente que ilumina un segundo ao tempo que cega, que invisibiliza as

cousas e descoida as persoas) ...Fronte a ela, a mirada “zoom” demórase mesmo nas cousas máis pequenas e fai

que parezan grandes, misteriosas, suxestivas. Miroscopiar é en definitiva, un xeito atento de mirar, sentir e

pensar...respectuoso coas persoas e co mundo onde recibiron o milagre da vida.



Carmen Loureiro.

Profesora de Lengua e Educación para a Cidadanía. Psicóloga e membra da asociación de Filosfía para nenas e nenos de Galicia.






Miroscopiar é mirar cara ao mundo con curiosidade e ilusión, atopando preguntas e buscando assúas respostas. É deixar que esa mirada que teñen todos os nenos siga voando alegre e libre. É non permitir que

o mundo dos adultos, privilexie o cognitivo, o académico, e o conveniente, hipotecando en nome dun futuro

afastado e un modelo social caduco e inxusto, o modo natural que ten calquera neno de achegarse ao coñecemento.


Miroscopiar é axudarnos a identificar percepcións e sentimentos, alfabetizar emocións, ordenar

pensamentos e a facer florecer os talentos.



María Corleone.

Escritora, ilustradora e tri--nai.





O Miroscopio non é un telescopio, nin un microscopio, nin un caleidoscopio pero serve para mirar e encontrar. Podes mirar por el e encontrar asteroides e todos os "trozoides" do mundo, e tamén persoas e cousas

que andes buscando. Eu encontrei os meus pais mirando por el dende a miña lúa de auga quente. E neste vense

tesouros, cada un pode ver os seus tesouros...



Antón de Faxilde

Neno , narrador e investigador de 4 anos.

Miroscopias?